Que é ORPAGU

A Organización de Palangreiros Guardeses (OR.PA.GU.) constituíuse no 1996 co fin de regular, desenvolver e fomentar a actividade dos nosos buques palangreiros. Foi ao comezo dos 90 cando un grupo de mariñeiros con espíritu emprendedor decidiron apostar por investir no palangre de superficie, construíndo e adquirindo barcos para transformar unha arte de pesca tradicional nunha opción de futuro a través da pesca sostible e respectuosa co medio.

Compromiso co territorio

Dende o comezo apoiamos diferentes tipos de proxectos de ámbito local e comarcal, prestando especial atención ao eido cultural e social.

Somos de A Guarda, no Baixo Miño, un espazo transfronteirizo que comparte o río Miño cos nosos veciños portugueses e ao carón do Atlántico,  ese océano que dende hai séculos leva e trae ás nosas xentes na procura deses peixiños aos que tanto lle debemos.

Orpagu Educativo

Hai xa uns anos comezamos unha singradura da man dos centros educativos da Guarda, aos que estaremos sempre infinitamente agradecidos pola súa colaboración. Primeiro foi un certame de relatos, logo o concurso do cartel da Festa do Peixe Espada... e pouco a pouco fomos desenvolvendo ideas para achegar os barcos palangreiros aos pequechos e pequechas na nosa vila.

O Mar na Escola foi un pasiño máis nesta navegación, xa que alumnado de 3º de Primaria coñeceu de primeira man o Porto de Vigo e subiu a bordo dun dos nosos palangreiros, entrando literalmente ata a cociña, pasando pola ponte de mando, a sala de máquinas, etc.

Actualmente estamos traballando na elaboración de unidades didácticas para Primaria, co obxectivo de facilitar ferramentas ao profesorado para que poidan achegar o mundo do mar ás propias aulas.