UNIDADES DIDÁCTICAS

No 2020 comezamos unha nova singladura coa creación de unidades didácticas propias e a compilación doutras que están ligadas ao mundo do mar, así como recursos que poidan facilitar ao profesorado a realización de actividades que acheguen este patrimonio aos centros educativos.

O obxectivo desta unidade didáctica para 6º de Primaria é achegar a arte de pesca do palangre de superficie ao alumnado de centros educativos, xa que é a arte empregada nos barcos palangreiros de OR.PA.GU. (Organización de Palangreiros Guardeses).

A idea foi facer unha unidade didáctica manexable en formato dixital, con explicacións e contidos adaptados a profesorado que pouco ou nada teña que ver coa pesca e a navegación. As actividades comprenden diferentes niveis de dificultade, que iremos adaptando. Cómpre ter en conta que no deseño das mesmas partimos de que o alumnado ten participado no proxecto O Mar na Escola, mais iso non implica que centros educativos doutras localidades tamén poidan tirar proveito desta unidade didáctica.

Dado que é un proxecto piloto, hai unha considerable probabilidade de que haxa cousiñas a mellorar, polo que a unidade didáctica nace cunha clara vontade de ser modificada ao longo do tempo, actualizada en función das avaliacións que temos previstas.

CONTIDOS BÁSICOS

(PERO BÁSICOS, BÁSICOS!!!)

Que é un palangreiro?

É un barco que emprega a arte de pesca do palangre. No caso de OR.PA.GU. trátase dun palangre de superficie, a diferencia doutros palangreiros que empregan o palangre de fondo.

Que é un palangre?

Arte de pesca que consiste nunha tralla longa, chamada madre, da que colgan as brazoladas. Cada brazolada conta cun ou varios anois, segundo o tipo de palangre.

UNIDADES DIDÁCTICAS DOUTRAS ENTIDADES